nas sabas
nos vaqueiros
nos tenis
no té da mañá
nas ventás
nos bolígrafos
nos pasos
no pelo
sabes?, hoxe por primeira vez
teño a sensación de ter teas de araña nas cousas
de nena cando vía a propaganda das tendas de electrodomésticos e dos grandes almacéns con todas esas neveiras e frigoríficos ateigados de tanta estética, daba un xiro.
semellaban tan fermosos!. todo perfecto, colocado ao milímetro,
a suculenta conxunción das cores.
o peixe nun andel,
todas as bebidas noutro,
o verde da leituga plástica,
o vermello dos tomates de cartón pedra,
a froita exótica, os zumes, os xeados…a coreografía era infinita.
neveiras que nunca se descolocaban, que sempre estaban dispostas para sorrir.
desexaba que na miña casa tivesen que mudar de frigorífico só porque pensaba que o novo viría con todas esas cousas dentro. así de colocadas…igualiño que na propaganda.
miña nai ten unha horta. cóidaa cada día e fala con ela.
esta nunha zona moi húmida e é a envexa da aldea. agora, pasado a metade de agosto, comeza a dar tomates, berenxenas, pementos de toda caste, xudías e calabacíns.
o peor de todo é que os frigoríficos nos apartamentos son moi pequenos e non hai moito oco para tanta fartura.
por iso penso que se puidese construiría un frigorífico enorme, que chegase ao teito para poder metelo todo dentro e colocalo por orde, en gama cromática e tamaño.
saldaría os pensamentos e tería unha instalación para contemplar toda a tarde, toda a tarde sen dúbida de que ese….sería o frigorífico máis fermoso que ninguén tería ollado nunca, anque non saise na propaganda.
Foi fermoso collerme da man de Dores Tembrás o domingo primeiro de agosto, cando a calor deixaba un pouco de marxe para o combate.
Pronto agardo por orde aos apuntamentos, aos dela e aos meus, e darlles forma, pero o que quero é comentar o encontro. Pois se ben as poéticas poden ser de entrada diferentes, os puntos de xiro apareceron en segredo, detrás dos amarotes para collerse da man.
E así, unha pedra e unha doa….un rei que pasa de longo, unha rá que nunca será principe, unha avoa que foi nena, unha cereixa confitada, unha montblanc, uns zapatos de tacón, un coche tuneado, un (retro)visor onde mirar o pouso do fume.
cando te coñecín pensei: - antes de bicalo pagaría por ver o cuarto onde medrou…
as iconas sempre son iconas e ti, anque quixeras disimulalo, tamén as levabas grabadas nos ollos.
as revistas, a discoplay, a superpop…a tinta no papel malo…as imaxes que durmiron contigo veñen con maletas e instálanse na cabeza.
cando te coñecín souben que todas elas habitaran as portas do armario onde gardabas o acné, o chandal e os tenis, os xerseis de lá, os calcetíns, os vaqueiros roídos, as camisetas de algodón para durmir, os quilos de adolescencia.
mentras ti acariñabas a foto de sharon stone coa luz do flexo apagada
eu comía papillas de polo e cenoira e andaba ás patadas co tacataca
pero agora estou aquí, andando a dúas pernas, diante deste armario…e non podo máis que sorrir e fotografalo coa intriga daquela que profana a pirámide mellor gardada
es-ti-o
es-pe-ran-za
es-tra-da
es-pe-rar
es-tu-pen-do
es-coi-tar
es-bel-ta
es-tre-me-cer
es-tig-ma
es-tar
es-tra-do
es-ta-men-to
es-ta-ble-ci-do
es-tu-dar
es-mor-ga
es-ma-gar
es-cu-pir
A Rosa de Warhol
Saíu á entrada do CGAC para botar un cigarro. Xusto enfronte, varias ducias de persoas subían as escaleiras de Bonabal con libros e rosas nos brazos e comezaban unha lectura. Intrigada, virouse e mirou ao garda de seguridade que, xusto detrás súa, ollaba ao mesmo punto.
– E esa xente?- preguntou.
- Hoxe é 15 de xullo?.
-Si.
– Ah, vale…Avisáronme de que se ía facer unha xuntanza de escritores polo de Rosalía de Castro…
– Polo pasamento..-dixo ela.
- O pasamento, o nacemento…tanto ten. Está pechado o Panteón…Din que vanno abrir pero nin saben cando…así que anque se queira ver onde está…
Daquela, Ela recordou cando con dez anos unha mestra lle pedira que levase a clase unha fotografía dun famoso para facer un mural, e os seus pais lle deran unha de Rosalía de Castro en branco e negro baixo a frase: ” levas á poeta máis coñecida de mundo”. Mirando ao Panteón, rememorou a suor nas súas mans de quinto curso, a xenreira e vergoña que sentira ante os risos do grupo e da mestra, cando esta dixo que esa imaxe non valía porque non era a dunha “famosa”, e que quedaba “estraña” ao lado das outras. O certo é que o sorriso de Rosalía ao carón de Lady Di ou Julio Iglesias resultaba unha illa subversiva e evidentemente o subversivo incomodaba.
- De que ris?- preguntou o garda.
- Pensaba en…Sabes esas camisolas coa cara de Rosalía?.
- As que leva todo dios e recordan á Marilyn de Warhol?.
- Si. Pois acabo de decidir que vou mercar unha, envolvela en papel de agasallo e mandarlla a unha mestra que tiven…
artigo publicado na Voz de Galicia 10/07/2010











